SANTIAGO DE COMPOSTELA, CÉLULA DE UNIVERSALIDADE CREATIVA
Ningunha cidade mellor que Compostela para ofrecerlles aos creadores e á sociedade un espazo no que recoñecerse e no que coñecer outras culturas. Meta das diferentes rotas que conforman o Camiño de Santiago, polo que historicamente circularon as tendencias artísticas do continente, Compostela é posuidora dun patrimonio cultural incalculábel que foi recoñecido pola Unesco en 1985 e foi declarada capital cultural europea no 2000.
Dende o seu nacemento até o seu status actual como capital política de Galicia, sé arcebispal da Igrexa Católica e sé dunha das universidades máis antigas e respectadas do continente, a historia de Compostela estivo sempre ligada á chegada de xentes doutros lugares. Trala descuberta dos restos do Apóstolo, no século IX, estableceuse na contorna do antigo poboado romano unha comunidade eclesiástica arredor da que se foi asentado, espontaneamente, unha poboación de emigrantes procedentes das aldeas próximas e de peregrinos que se achegaban á cidade por motivos relixiosos e que acababan establecendo aquí o seu fogar, animados polo privilexio que establecía que "calquera que permanecera corenta días sen ser reclamado como servo pasaba a ser considerado como un home libre con dereito a residir en Compostela".
O Festival dos Abrazos nace XII séculos máis tarde coa vontade de redescubrir para o mundo esa dimensión integradora de Compostela. O Festival, como a cidade da que nace, quere ser un espazo privilexiado para o diálogo creativo entre os seres humanos libres e con dereito para crear en Compostela. Un diálogo aberto, intercultural, dinámico e imaxinativo. Unha experiencia única, singular e profundamente vertebrada co espazo no que se produce, Santiago de Compostela, célula de universalidade creativa.
|