O Festival dos Abrazos é unha oportunidade para (re)descubrir Santiago de Compostela e as novas propostas culturais internacionais. Do 1 ao 31 de agosto, a cidade histórica transfórmase no escenario dun festival de cultura innovadora no que caben todas as artes: músicas populares, clásicas e contemporáneas, danza, teatro, clown, novo circo, cinema, artes plásticas...
A cidade é tomada polo festival. As prazas, igrexas, parques e xardíns convértense en auditorios, teatros, escenarios de concertos e pasarrúas, salas de exposicións, faladoiros... unha gran feira das artes. A cultura viva espállase por entre os muros da cidade vella ao encontro da cidadanía. Composteláns e visitantes poden coñecer algunhas das últimas propostas creativas dos artistas da cidade, de Galicia e dos cinco continentes.
Propoñémosche que abraces o festival e coñezas a cidade doutra forma. Párate nesa praza pola que sempre pasas á carreira. Abandona a fileira detrás do guía do paraugas. Déixate levar polos abrazos: novos ritmos e vellas melodías, sonoridades peculiares, palabras ben ditas, diálogos con pouso, xiros e cabriolas, risas e gargalladas, imaxes e mensaxes, encontros a eito e unha nova forma de moverse polas rúas de Compostela.
Se á mañá escoitas que alguén canta desde o alto dun balcón no Toural e pouco despois te cruzas cunha tropa de malabaristas subindo a rúa das Orfas; se vas botar a sesta en Bonaval e ao teu carón se move un grupo de danza, se a media tarde te apuntas a un obradoiro de música popular logo de asistir nun xardín a un intenso coloquio e rematas a noite bailando ao son dun DJ no exterior da Zona C, daquela xa é agosto, isto é Santiago de Compostela e estás no Festival dos Abrazos.